AVISO IMPORTANTE: SUPLANTACIÓN DE PERSONALIDADE NA XESTIÓN DAS GARANTÍAS DEFINITIVAS

 
Foron detectados intentos de suplantación de identidade dos poderes adxudicadores usuarios da Plataforma de contratación do sector público (PLACSP,) na cal se publican, por interconexión, os contratos do sector público galego de Contratos públicos de Galicia.

O proceder dos estafadores é sempre o mesmo:

Unha vez que se publica a identidade do futuro adxudicatario da licitación, envían un correo electrónico desde unha conta simulada que se fai pasar pola Plataforma de Contratación do sector público (PLACSP) para solicitar a constitución da fianza definitiva correspondente á licitación de que se vai ser adxudicatario. Para isto sempre facilitan un número de conta dunha entidade bancaria situada no estranxeiro.

Por tanto, pídese a máxima atención aos licitadores propostos como adxudicatarios e proporciónanse as seguintes recomendacións:

1- Desconfíen de toda comunicación recibida polas canles non habituais de comunicación.

2- Comproben os dominios (xxxxxx@domino) desde os cales reciben os correos electrónicos e que estes corresponden cos dos poderes adxudicadores con que se licitou.

3- En caso de recibir documentos electrónicos (formato PDF) pode verificar a autenticidade dos mesmos, mediante o código de verificación electrónica do que dispoñen os documentos.

4- Eviten presentar garantías mediante transferencia bancaria, dado que é a forma que teñen os estafadores de realizar a estafa.

5- En caso de dúbida, no expediente publicado en Contratos públicos de Galicia (CPG) dispoñen dun teléfono e correo electrónico dos xestores do órgano de contratación na epígrafe CONTACTO, que encontrarán na esquina superior dereita da páxina coa información especifica do procedemento. Nese teléfono ou correo poderán verificar a autenticidade de calquera comunicación.

En caso de coñecer algunha actuación deste tipo, debe pórse en coñecemento desta plataforma (enderezo de correo: Plataformacontrataciongalicia@xunta.gal) para a súa persecución.

Contratos Públicos de Galicia CPG

Que é unha plataforma de contratación?

A entrada en vigor da lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público, supuxo un impulso á utilización dos medios electrónicos e informáticos na contratación pública. Nese marco legal, unha das liñas fundamentais de actuación dirixiuse a crear novos sistemas de información da actividade contractual, con figuras como os Perfís do contratante e as Plataformas de Contratación que, a través de Internet, convertéronse en ferramentas de gran axuda para o coñecemento e seguimento dos procedementos contractuais en curso e mesmo para que as PEMES coñeceran posibilidades de negocio no sector público e accederan facilmente ás licitacións.

Cambios substanciais coa nova Lei 9/2017, de contratos do sector público

A partir do 9 de marzo de 2018, coa entrada en vigor da nova Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (en adiante LCSP), dáse un importante avance na configuración das plataformas de contratación.

En primeiro lugar destaca que todos os perfís do contratante deben, obrigatoriamente, estar aloxados nunha plataforma de contratación, ben estatal ou autonómica que, en cumprimento da Disposición adicional terceira da Lei 20/2013, de 9 de decembro, de unidade de mercado deben estar interconectadas (art. 347 da LCSP).

En segundo lugar, esta lei crea dúas novas modalidades do procedemento aberto chamadas, polos seus importes, a ser as substitutas naturais de parte dos antigos contratos menores e dos desaparecidos procedementos negociados por razón da contía: os denominados procedemento aberto simplificado (PAS) e o procedemento aberto supersimplificado (PASS). Pois ben, unha das singularidades procedimentais máis significativas destas novas figuras é que os anuncios dos contratos tramitados conforme a elas serán unicamente anunciados nos perfís do contratante (e conseguintemente nas plataformas nas que se aloxan) o que amplía substancialmente o número de licitacións publicadas respecto á normativa anterior.

En terceiro lugar destaca o ánimo de evitar que se eluda esa obrigada publicidade ao indicar que serán considerados nulos de pleno dereito os contratos que non publiquen o seu anuncio de licitación no perfil do contratante aloxado nunha das dúas plataformas ou no DOUE (art.39.2. c) LCSP.

Que é Contratos Públicos de Galicia CPG?

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a plataforma que aloxa Contratos Públicos de Galicia (en adiante CPG) asumiu no 2008 o reto de integrar toda a contratación pública dos perfís da Administración autonómica e do seu sector público. Pero xa no ano 2010 regulouse coa vocación de ser o punto de acceso a información publicada por todos os perfís dos órganos de contratación do sector público galego, incluídas as entidades locais e órganos estatutarios.

Actualmente gran parte da nosa Administración local, universidades públicas e entidades como o Consello de Contas e o Parlamento de Galicia, publican en CPG converténdose nunha das páxinas máis visitadas no ámbito dos servizos públicos galegos, e tamén das mellor valoradas pola súa claridade e contidos.

Ademais, en cumprimento da antedita Disposición adicional terceira da Lei 20/2013, de 9 de decembro, de unidade de mercado, CPG atópase interconectada coa Plataforma de Contratación do Sector Publico (PLACSP) de xeito que as licitacións anunciadas nela pódense visibilizar a nivel estatal facilitando a concorrencia e acceso ás licitacións das pequenas e medianas empresas.

A quen lle interesa Contratos Públicos de Galicia CPG?

Este portal resulta de especial interese a todo o tecido empresarial galego e a todos os entes, organismos, entidades, Concellos, Universidades públicas e, en xeral, aos sectores económicos e profesionais participantes nos procesos da contratación pública.

Que podo atopar en Contratos Públicos de Galicia CPG?

Adaptada a estes cambios normativos, desde CPG poderá acceder á consulta de anuncios de información previa, as licitacións en curso, as adxudicacións, a documentación de interese para a licitación (pregos, datas de apertura, actas, informes técnicos, composicións das mesas, plans anuais de contratación, etc) e aos puntos de contacto e formas de comunicarse cos distintos órganos de contratación que teñen aquí aloxados os seus perfís.

Tamén disporá dun sistema de alertas polo que poderá recibir gratuitamente, no seu enderezo de correo electrónico, avisos sobre os procedementos do seu interese que se publican diariamente na plataforma.

Ademais, desde Contratos Públicos de Galicia, pode acceder a un manual de licitacións que lle pode facilitar un primeiro contacto no aceso ás licitacións do seu entorno e outra información de interese vinculada á contratación pública.

Consultas e suxestións

Pode enviar as súas consultas e suxestións a: plataformadecontratacion@xunta.gal

Entidades adscritas a esta plataforma